▬ Matemáticas para viaxar ás cidades (in)visibles

Mª del Carmen Buitrón, profesora no CPI Viaño Pequeno, preséntanos este proxecto desenvolvido cunha escola da República Checa:


O proxecto Matemáticas para viaxar ás cidades (in)visibles ofrece aos alumnos un escenario multimedia para que descubran a través da exploración dunha cidade, as múltiples ópticas desde as cales esta pode ser analizada: matemática, artística, literaria, social, emocional... conectando de xeito directo cos aspectos de adquisición de competencias.

Desde o punto de vista das matemáticas, é unha forma de traballar comprendendo que estas forman parte da cultura das civilizacións e que están presentes en todo tipo de situacións cotiás, por exemplo, ao percorrer unha cidade.

Desde o punto de vista do estudo do Español como Lingua Estranxeira (ELE) é unha nova forma de coñecer e achegarse ao idioma e á cultura española, aprendendo vocabulario específico de matemáticas en español.

O título do proxecto está inspirado na obra do escritor Italo Calvino As cidades invisibles (1972), quen á súa vez reinterpreta as viaxes de Marco Polo. "Explora todas as costas e busca esa cidade. Despois volve dicirme se o meu soño responde á verdade", ordénalle Kublai Kan a Marco Polo nas cidades invisibles, un relato que invita a emprender a marabillosa viaxe dos mundos imaxinarios, que abre as portas a esa diversidade de miradas das cidades (cidade visible vs cidade invisible).

Cada cidade fálanos, precisamente como resultado dun diálogo aberto entre ela e os seus cidadáns, que alimentan un intercambio cultural permanente cos que nos achegamos a ela como visitantes ou viaxeiros.

Esta idea parecíanos perfecta para un desenvolver nun proxecto eTwinning, pois é a través das viaxes (aínda que sexan virtuais) como se coñecen outras culturas e acábanse querendo. Pensamos que as iniciativas eTwinning son moi interesantes e totalmente necesarias (mesmo imprescindibles no momento actual) pois se os mozos europeos se coñecen, Europa terá futuro.

Destacamos o uso das TIC:
  • Presentacións dixitais con Prezi, OpenOffice Impress, Powerpoint, video, slideshare, Picasa, Issuu, Glogster, Gimp.
  • Geogebra, Excel, OpenOffice Calc, Google Maps.
  • Webquest, wiki, blog, Skype.
  • Dispositivos móbiles: teléfonos, iPad, tradutores dixitais.


Na adaptación da plataforma TwinSpace ao noso proxecto, incluímos entre outras ferramentas un foro virtual: o “Café Doña Urbanita”. Nel, o noso alumnado falaba do que quería e decatáronse de que lles gustaban os mesmos libros, cancións, series, etc. Eles mesmos destacan que se parecen máis do que se diferencian entre si ambas culturas.

Sem comentários:

Enviar um comentário